Sunday 28 de April de 2024

Marzo de Igualdade en Ribeira


A concelleira de Cultura, Antía Alberte, e a concelleira de Igualdade, Cruz Rivadulla, presentaron hoxe a programación para o Marzo de Igualdade “máis dunha decena de accións no mes de marzo, que xirarán arredor da muller, da igualdade e do feminismo como valores transversais na sociedade e que debemos promover tamén dende as Administracións Públicas” explicou Antía Alberte. “Con esta programación o que pretendemos é crear sinerxias entre as concellerías e fomentar dende este goberno unha cultura de carácter feminista.”

A primeira das iniciativas é a terá lugar o próximo venres, día 1, ás 20.30h no Centro Cultural Lustres Rivas. Trátase da exposición titulada “EmpoderArte”, que organizamos e impulsamosdirectamente dende a área de cultura como homenaxe a artista Carmen Romero. É unha exposición colectiva na que participan máis dunha trintena de artistas e coa que celebramos non só os logros e contribucións das mulleres ao longo da historia, senón tamén a súa vitalidade e creatividade no eido artístico.

Ao día seguinte, o sábado 2 de marzo ás 12.00h, tamén no Centro Cultural Lustres Rivashaberá contacontos para nenos e nenas de 3 a 12 anos e as súas familias da man de AteneaGarcía. Para esta actividade será preciso realizar inscrición previa enviando un correo electrónico a normalizacion@ribeira.gal.

Xa na seguinte fin de semana, o venres 8 ás 21.15h no Auditorio municipal, o grupo de noia Lúa Chea traerá o seu espectáculo “Comisaría de Mulleres”. A entrada será de balde e abriremos as portas media hora antes como é habitual. Esta obra é unha comedia teatral para público adulto hilarante e reivindicativa, que fala dos dereitos e dificultades que a muller ten ante esta sociedade.

O sábado 9 de marzo, ás oito e media, continúan as propostas teatrais no auditorio municipal.
Será da man da Asociación Cultural O Xeito coa obra “Am@te” na que se fai unha reflexión sobre a nosa realidade e a violencia de xénero.

O sábado 16 haberá unha proposta para público familiar, no auditorio ás 19.00 h con Títeres Tarabelos e o seu espectáculo de monicreques “Amoriños Contei”.

Na seguinte semana, coincidindo ademais coa celebración do día da Poesía, o día 21 realizarasea lectura da obra poética de Ánxela Gracián. Será ás 20.00h no Centro Cultural Lustres Rivase no acto participará a autora e tamén a poeta Patricia Torrado. Para esta actividade será preciso realizar inscrición previa enviando un correo electrónico a normalizacion@ribeira. gal

No sábado 23 ás 12.00h no Centro Cultural Lustres Rivas haberá a presentación da obra “Luisa Villata, Alma de Violino” de Beatriz Maceda e Eli Rios e a continuación un obradoiro de ilustración para nenos e nenas de 3 a 12 anos e as súas familias. Para esta actividade será preciso realizar inscrición previa enviando un correo electrónico a normalizacion@ribeira. gal

E o mércores 27 de marzo no Auditorio ás 20.00h coa proxección do documental “Nación”, de Margarita Ledo, e coloquio posterior. Este é un filme que aborda a realidade daquelas mulleres traballadoras e loitadoras polos seus dereitos na fábrica de cerámica A Pontesa.
“Este ano fíxose un esforzo importante por poñer en común toda a programación do mes de marzo.” destacou a concelleira Cruz Rivadulla. “Nesta liña, e en relación coa exposición EmpoderArte destacar que a homenaxe institucional do Concello este ano será en homenaxe ás mulleres artistas de Ribeira.” O acto terá lugar o día 8 de marzo ás 12.00h no Auditorio Municipal.